A eAdministración colle pulo na UVigo co servizo de sinatura dixital de actas

venres, 20 de setembro do 2019 Redacción

A Universidade de Vigo vén de facer avanzar a súa aposta pola eAdministración. E faino poñendo en marcha a sinatura dixital de actas das ensinanzas de grao e mestrado. Segundo informa o vicerreitor de Planificación, José Luis Míguez, o inicio neste curso da operatividade deste servizo é unha medida que carrexa dúas grandes vantaxes: dunha banda, a axilización da administración e, da outra, a simplificación de procedementos, “xa que ao haber menos sinaturas conseguirase que as actas sexan asinadas máis axiña, evitando así posibles adiamentos”, subliña o vicerreitor.
Este procedemento poderá realizarse desde calquera ordenador ou teléfono móbil, sen necesidade de ter instalado ningún certificado de sinatura electrónica nos ordenadores ou dispositivos móbiles do profesorado, xa que se fará accedendo directamente á Secretaría Virtual da Universidade desde calquera dispositivo. “Non é preciso ter instalada a sinatura electrónica e, ademais, con este sistema eliminamos baleiros de seguridade ao contar cunha dupla canle de comprobación: a Secretaría Virtual e o envío dun SMS ao móbil do docente responsábel da materia”, engade Míguez Tabarés.
O novo procedemento chega tras aprobarse no Consello de Goberno do pasado mes de abril o denominado Regulamento da Sede Electrónica da Universidade de Vigo, no que xa se establece a posibilidade de utilizar o selo electrónico nos trámites administrativos que se realicen de forma automatizada e no que tamén se indica a intención da institución académica viguesa de ir estendendo de maneira progresiva o número de procedementos, trámites e actuacións que poidan solicitarse e tramitarse por procedementos electrónicos.
O curso pasado asináronse na Universidade algo máis de 9.000 actas, o 57% de xeito dixital, o que supuxo un incremento dun 5% con respecto ao curso anterior (2017-2018). Se atendemos á análise por campus, Vigo é onde máis se emprega o sistema de sinatura dixital (62,75%), seguido de Pontevedra (49,76%) e Ourense (48,79%).

PUBLICIDADE