A dixitalización será un dos grandes desafíos das bibliotecas públicas galegas

venres, 27 de maio do 2022 S. P.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou no Parlamento o II Mapa de bibliotecas públicas de Galicia, a ferramenta para diagnosticar necesidades e orientar a acción pública neste ámbito cultural. O documento, dixo, “constata a positiva evolución destes centros nos últimos anos”, unha tendencia que tamén se mostra no ámbito tecnolóxico, con máis servizos en liña e máis recursos a disposición dos usuarios, por exemplo conexión Wi-Fi. Respecto das liñas de futuro, a folla de ruta apunta á necesidade de incrementar a dixilización, a accesibilidade e a proximidade “para chegar a aqueles territorios que non contan con estes centros”, un aspecto no que, avanzou, “a Xunta está a ultimar distintas medidas que permitan estender o alcance das bibliotecas”.
Entre os temas nos que puxo o foco Anxo Lorenzo atopábase o das políticas dirixidas ás persoas con discapacidade, “un dos principais retos que identifica o mapa”. Como recordou, “trátase dun aspecto no que a Xunta está a traballar xa a través de liñas de axuda para a mellora das infraestruturas e, con vistas ao futuro, tamén no marco da futura lei autonómica de cultura inclusiva e accesible”. Segundo engadiu, “o mapa identifica que, aínda que a meirande parte das bibliotecas teñen bos resultados en canto á adaptación física dos espazos (o 64% ten mobiliario e infraestruturas adaptadas) é preciso afondar en aspectos como a diversificación das coleccións ou o equipamento, con medidas como lupas electrónicas, pasapáxinas, monitores adaptados, recursos en braille, lectores de pantalla, entre outros”.
As bibliotecas en cifras
No documento faise saber que as bibliotecas abren unha media de 45 horas semanais e teñen unha superficie útil de máis de 98.000 metros cadrados. Máis da metade (o 53%) contan cunha sala específica para o público infantil. Hai máis de 17.000 postos de lectura e máis de 4.100 postos informatizados ou, o que é o mesmo, 1,7 postos dixitais por cada 1.000 habitantes. “Trátase dunha cifra por riba da media española onde a media está en 0,6 ordenadores de uso público dispoñíbeis nas bibliotecas por cada 1.000 habitantes”, sinalou Lorenzo, engadindo que “os centros bibliotecarios adáptanse tamén cada vez máis aos criterios de sustentabilidade. xa que o 64% delas adáptanse ás solucións de aforro enerxético”.
O desafío dixital
Anxo M. Lorenzo recordou que a adaptación á contorna dixital será outro dos retos. “Require dunha continua innovación para que estes centros non queden fóra da realidade polo que, ademais, agora reforzaremos os nosos esforzos para que as bibliotecas xoguen un papel primordial na loita contra a fenda dixital e na alfabetización dixital”, indicou. Para o representante da Consellería de Cultura, o II Mapa de Bibliotecas de Galicia serve “para poñer de manifesto as fortalezas e eivas dos servizos bibliotecarios da rede e, en consecuencia, reviste unha especial utilidade para fixar prioridades e obxectivos de cara ao futuro”. E engadiu: “Cómpre agora que tanto as entidades responsábeis dos servizos bibliotecarios como a Xunta teñamos en conta estes contidos á hora de levar a cabo a súa planificación estratéxica”.

PUBLICIDADE