A divulgación científica, eixe dos novos encontros de normalización do CCG

mércores, 3 de abril do 2019 Redacción

Este xoves comezan na Cidade da Cultura os Encontros para a Normalización Lingüística. A cita, organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, porá o foco na divulgación científica e nos novos formatos e metodoloxías para divulgar investigación, achados e coñecemento avanzado. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, inaugurará a xuntanza ás 16:15 horas. As sesións desta 21 edición das xornadas desenvolveranse até o venres na Cidade da Cultura. O arrinque virá da man de Iolanda Fernández Casal, xornalista da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG.
Logo, a primeira das mesas redondas está moderada por Anxos Sobriño e nela diferentes investigadores falarán das vantaxes de divulgar en galego. Son Javier Balea que mantén o web Moléculas en galego; a matemática da USC, Elena Vázquez Abal, e X. Dosi Veiga, creador do web Ceos Galegos.
Esta primeira sesión conta tamén cunha mesa de experiencias para coñecer como se divulga a ciencia no ensino secundario. Nela falarán os profesores de iniciativas didácticas como A Axencia Espacial Escolar galega, o Proxecto Ríos, Xeoclip ou o Fitofaladoiro. Os relatores desta mesa son: Cibrán Arxibai do IES Losada Diéguez da Estrada; Xosé Manuel Fernández Castro do IES Maruxa Mallo de Ordes; Camilo Ojea do CPI Mosteiro Meis e Xacobo de Toro, IES Urbano Lugrís de Malpica.
A sesión do venres arrinca con dúas mesas redondas. Unha sobre Ciencia, muller e lingua que modera Marilar Aleixandre e na que participan Patricia Conde da Faculdade de Ciências, Universidade de Lisboa; Marta Piñeiro Núñez do Laboratorios de Investigación Lilly, Indianápolis-USA; e María D. Mayán do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña. E outra sobre os posíbeis públicos que analizarán os casos de publicacións especializadas (Xerais Básicos Ciencia), medios de comunicación (GCiencia e Efervesciencia) e formatos a medio camiño entre espectáculo e divulgación (Peripeciencia).
A mañá complétase con varias mesas de experiencia. Unha para cooperar para divulgar a ciencia coas iniciativas dos concellos de Vigo e de Pontevedra: Pontenciencia e Achégate ás ciencias...en galego. E outra na que falarán da tradución das charlas TED ao galego e da Galipedia.
Pola tarde o programa abrangue varios espazos a maiores: na Aula 1 da Biblioteca e Arquivo de Galicia haberá espazo para un Obradoiro de Subtitulación en YouTube con Xacobo de Toro; a sala Off. Cidade da Cultura acollerá o Obradoiro de Edición/Tradución na Galipedia a cargo de Elisardo Juncal coa presentación de María Justo.
Xurxo Mariño, membro da Sección de Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG, ofrecerá un relatorio titulado As miñas linguas e mais eu. Algunhas reflexións sobre a mente e a linguaxe.
As sesións rematan con retranca: co Discurshow de Vicente Mohedano, que leva por titulo Voute contar. E, como peche, unhas conclusións a cargo da presidenta da institución, Rosario Álvarez.

PUBLICIDADE