A consola portátil nVIDIA Shield custará 299 dólares

venres, 21 de xuño do 2013 Marcus Fernández

No marco do CES de Las Vegas presentouse o Project SHIELD de nVIDIA, unha consola de videoxogos integrada nunha especie de gamepad con pantalla que permite tanto gozar de xogos para Android reproducíndoos directamente como controlar remotamente xogos de PC, para o que este curioso dispositivo contaría cunha pantalla de táctil de 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, un potente procesador nVIDIA Tegra 4, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, un control moi ergonómico, altofalantes, Wi-Fi N 2x2 MIMO, Bluetooth 3.0, GPS e saída mini-HDMI. Aínda que o prezo de lanzamento estimado para este dispositivo era de 349 dólares, finalmente nVIDIA decidiu axustalo un chisco e reducilo ata os 299 dólares, situando a súa data de lanzamento no vindeiro día 27.
Temos así que este curioso proxecto está a piques de ver a luz, aínda que resulta difícil predicir se vai ter unha boa acollida no mercado, especialmente se temos en conta que no mercado hai tablets con Android e controis físicos por menos de 150 euros, o que fan que o produto de nVIDIA pareza só dirixido a un tipo de xogadores moi esixente e intensivo. Curiosamente o nVIDIA Shield vai comezar as súas vendas en tendas de electrónica de consumo e de videoxogos, onde é posible adquirir consolas como a PS Vita, que teñen un prezo menor, destacando tamén o feito de que incluso as consolas doméstica actuais custan menos que esta atrevida proposta de nVIDIA.


O nVIDIA Shield visto na pasada edición do E3

PUBLICIDADE