A consola PISTON comezará a venderse no Black Friday

luns, 30 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que as Steam Machines están en fase de probas, os usuarios máis impacientes poderán optar en breve por un dispositivo que durante un tempo rumoreouse que sería a primeira SteamBox, un mini ordenador da Xi3 Corporation que se venderá directamente co nome de PISTON Console, deixando clara a súa vocación de empregarse para o uso de videoxogos, e que sairá á venda o vindeiro venres negro, o 29 de novembro, estando xa dispoñible para a súa reserva por un prezo de 999 dólares.
Este pequeno equipo (con lados duns 10 centímetros) incluirá polo mencionado prezo un procesador de catro núcleos a 3,2 GHz, 8 Gb de RAM (DDR3), unidade SSD de 128 Gb, gráfica da familia AMD Radeon 7000 e arquitectura modular que facilitará a actualización dos seus compoñentes.
As consolas PISTON venderanse cunha serie de xogos precargados, e buscan converterse nun novo estándar no sector do videoxogo, cun tamaño reducido e un peso lixeiro, que parece ter marcado o camiño que está a seguir Valve, e que poderían imporse entre os seareiros dos xogos para PC que desexen levar a experiencia ao salón como se fai coas consolas de videoxogos tradicionais.

JPEG - 32.9 KB
A consola PISTON agocha nun tamaño reducido un potente ordenador actualizable

PUBLICIDADE