A consola Coleco Chameleon quere ver a luz apostando polos cartuchos

luns, 15 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración da New York Toy Fair 2016 o proxecto antes coñecido como Retro VGS (que fracasou en Indiegogo) aproveita para anunciar o seu lanzamento baixo o nome de Coleco Chameleon, o que será unha nova consola de videoxogos que buscará facerse realidade a través de Kickstarter a partires do vindeiro día 26.
Estamos ante un proxecto bastante tolo, na que un equipo fíxose coa licenza de Coleco e cos dereitos da carcasa da Atari Jaguar para construír unha máquina orientada aos xogos en cartucho, ou sexa, que non é un dispositivo con emuladores para recuperar clásicos, senón para correr xogos novos desenvolvidos con aire retro principalmente por desenvolvedores independentes. Unha ousadía dirixida a un grupo moi reducido de xogadores nostálxicos que saben apreciar certos xéneros e estilos de xogo que actualmente non son mainstream, e que continúan a gozar con bastante comunidade ao seu redor.
Esta nova consola contará con diferentes saídas de vídeo (HDMI, RCA e mini-DIN), 4 portos USB orientados á conexión de mandos de xogo, e incluso co posibilidade de conectarlle un teclado USB. Tamén pretenden que a consola sexa capaz de ler no futuro cartuchos doutros fabricantes e funcionar con algún mando de xogo de consolas clásicas.
Para facerse con este curioso produto adiantan que os mecenas que acheguen 135 dólares faranse cunha consola, un mando, os cables necesarios e un xogo, aínda que haberá que ver se o proxecto chega a conseguir financiamento, xa que a súa proposta parece demasiado retro como para convencer a un público afeito aos xogos descargables e que, cando adquiren produtos en soporte físico, fano para coleccionar clásicos que inspiren lembranzas e non para adquirir novos títulos en soportes obsoletos.

A Coleco Chameleon está presente estes días na feira de xoguetes de New York

PUBLICIDADE