A conferencia para desenvolvedores de Microsoft celébrase en liña

martes, 19 de maio do 2020 Marcus Fernández

A pandemia levou a Microsoft a cancelar a edición física da Build 2020, conferencia para desenvolvedores que transformouse nun evento en liña que pode seguirse en aberto para todo o mundo durante 48 horas, facilitando así que os desenvolvedores poidan coñecer as últimas novidades de Microsoft, participar en numerosas sesións técnicas e poder participar de diferentes actividades de programación á vez que conectan cos seus colaboradores, aínda que sexa virtualmente.
Durante estas xornadas Microsoft está a presentar novas ferramentas e servizos en Azure, Microsoft 365 e Windows, para axudar aos desenvolvedores a acelerar a consecución dun impacto e a extracción de valor das súas solucións, entre as que se atopan novas ferramentas que garantan o deseño e o despregamento de aplicacións de intelixencia artificial de xeito ético e responsable, así como a creación de experiencias de produtividade conectadas.
Precisamente nestas datas cobrou relevancia Microsoft Teams, plataforma para o traballo en grupo que disparou o seu uso durante o confinamento tanto para o teletraballo como para a teleformación, de aí que Microsoft entendese que debían acelerar a transformación desta ferramenta para adaptarse á nova realidade, de xeito que nos vindeiros meses veremos como chegan interesantes novidades para facer máis doado o traballo das organizacións. As empresas tamén poderán crear e xestionar chatbots en Teams de xeito simplificado.
Entre os anuncios realizados pola compañía de Redmond podemos destacar Microsoft Cloud for Healthcare, a primeira solución na nube de Microsoft específica para a industria da saúde, que aborda a atención sanitaria e outros escenarios da industria, como a nova aplicación Bookings de Teams (para programar, xestionar e desenvolver citas virtuais entre as empresas e os seus clientes).

PUBLICIDADE