A conexión Wi-Fi na praia de Samil non triunfa

luns, 20 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Uns mozos empregando os seus portátiles na praia de SamilNos pasados días as praias de Samil e Aguete estrearon servizos de acceso á Rede mediante Wi-Fi nunha experiencia piloto que busca estudar a aceptación deste tipo de tecnoloxía para poder espallar o mesmo tipo de conexións ó resto das praias galegas nos vindeiros anos, aínda que parece que deberán publicitar de xeito máis efectivo este tipo de infraestrutura, xa que parece que a conexión da praia de Samil só rexistra 2 usuarios ó día.
Por iso, a pasada semana a concelleira viguesa de Educación, Laura López Atrio, acudiu a pasada semana á praia cun ordenador portátil para amosar o funcionamento deste tipo de conexión, destacando a súa utilidade para persoas que teñan algún traballo pendente, xa que non se tería que renunciar a un día de praia por ter que atender ó correo electrónico ou enviar un documento, xa que o Wi-Fi permite achegar o traballo ó areal vigués. A concelleira tamén adiantou que aínda que conexión en Samil remate en setembro van a “buscar lugares nos que achegar a conexión á Internet de balde de cara ó inverno.

JPEG - 102.1 KB
A concelleira de Educación, Laura López Atrio, amosando a conexión Wi-Fi de Samil ante a prensa

Sobre o baixo uso da conexión actual o responsable de Retegal, Joaquín Alonso, asegura que “a demanda é aceptable” e culpou á pouca publicidade do servizo e ó mal tempo da pouca incidencia que está a ter.
De tódolos xeitos, a críticas ó servizo non cesan, pois hai quen considera que a praia non é o lugar máis axeitado para levar un ordenador portátil (nin a auga nin a area non fai moito ben ós trebellos tecnolóxicos) e ós que apostan polo uso da conexión Wi-Fi dende outros dispositivos podería errar nas súas cavilacións xa que para o acceso á Rede mediante o sistema actual é preciso autentificarse mediante unha páxina web (á que non poden acceder moitas consolas de videoxogos que si poderían tirar proveito desta conexión).

PUBLICIDADE