A comunidade open source galega lanza iniciativa socio-tecnolóxica para mellorar o mundo: Little Social Projects
xoves, 14 de abril do 2016
A comunidade Ghandalf,
centrada no pulo ao software libre (e tamén na divulgación e na
formación en tecnoloxías sen cancelas), vén de informarnos dunha
interesante iniciativa galega que, botando man da fórmula do open
source colaborativo, encamíñase a materializar proxectos
solidarios, sociais, sen arela de lucro, destinados a “mellorar o
mundo”. Falamos de Little
Social Projects, cuxa web aparece xa inzada de detalles sobre o
seu alcance e sobre os exemplos prácticos sobre a súa aplicación.
A idea “é basicamente que un grupo pequeno de xente se xunte
temporalmente para levar a cabo unha acción que teña unha pegada
positiva na sociedade”. Un dos principais impulsores de Little Social Projects é Quico Prol, tamén co-responsábel de BricoLabs.
Arestora xa está en marcha unha iniciativa
primeira en fase de planificación. A meta desta proposta, chamada
Ulo
Deporte?, é xerar información compartida e libre para
botarnos unha man á hora de atopar instalacións deportivas na nosa
terra a través de Internet. E todo a través da fórmula do gratuíto
e da información cen por cen libre.
Máis polo miúdo, Ulo
Deporte? aposta por engadir a
información relativa a cada instalación deportiva en
Openstreetmap.org, a plataforma en liña de mapas de datos abertos e
xestionada por comunidades sen arela de lucro.
Volvendo
a Little Social Projects, a súa filosofía apóiase nun piar
fundamental: o fornecemento de xerar datos abertos. Segundo nos conta
os impulsores, “todo o proceso de planificación, realización e
avaliación de cada proxecto será descrito de maneira pública e
transparente, para que outras persoas poidan aprender da experiencia,
reproducir o proxecto noutro lugar e mesmo mellorar o resultado”.
Sen dúbida outro dos puntos fortes das iniciativas abrolladas de
Little Social Projects é o preto que están, dende a súa orixe
mesma, de seren finalmente unha realidade. Isto acádase grazas
espírito colaborativo, aberto e independente, que prepara o terro
para “o autorrealizábel e o acreditado”, explican os
coordinadores desta forxa solidaria, engadindo que outro dos
obxectivos é fomentar as solucións que “impliquen o menor
número de recursos económicos e da forma máis eficiente posíbel”.
Amais, non se desbota
(senón todo o contrario) a posibilidade de colaborar con organismos
como ONG, asociacións, institucións públicas, empresas,
comunidades, e de feito “fomentamos a colaboración de todo o
mundo”, explican os impulsores de Little Social Projects.
Por certo que respecto
dos posíbeis ámbitos temáticos nos que traballar, os proxectos
xerados poden ser educativos, tecnolóxicos, humanitarios,
artísticos, ecolóxicos ou de calquera tipo, “sempre que teña
unha finalidade clara e consensuada de mellorar ou solucionar un
aspecto social concreto”.