A compañía viguesa SIVSA emprestará os seus servizos a Leroy Merlin

mércores, 23 de novembro do 2016 Redacción

A compañía galega SIVSA Solucións Informáticas, adicada á prestación de servizos na área das Tecnoloxías da Información, vén de asinar o primeiro contrato de colaboración coa empresa Leroy Merlin en España. A meta desta sinatura é a achega de servizos de soporte de SIVSA aos centros que esta multinacional francesa ten no país. Son tres os profesionais de SIVSA que forman parte do Centro de Atención a Usuarios de Madrid para dar soporte aos sistemas e aplicacións de Leroy Merlin en España. Cómpre engadir que este servizo é fornecido de maneira ininterrompida en modalidade de 24×7.
En canto a Leroy Merlin, dicir que chega a España no ano 1989 e na actualidade posúe 63 puntos de venda e tendas en liña. Pertence a ADEO, un grupo empresarial baixo o que operan diferentes marcas comerciais especializadas no sector da bricolaxe e o acondicionamento do fogar. ADEO, ocupa o terceiro lugar na listaxe mundial do seu sector e o primeiro en Europa. Este grupo conta con 588 tendas en 12 países, ten un persoal de máis de 87.000 colaboradores e conta cun volume de negocio de 17.300 millóns de euros.

PUBLICIDADE