A compañía de Mark Zuckerberg pasa a chamarse Meta

xoves, 28 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Durante a celebración do evento Connect 2021 o director xeral de Facebook, Mark Zuckerberg, presentou oficialmente o nome que adoptará a súa compañía, Meta, para diferenciala das súas diferentes marcas (Facebook, Messenger, Instagram, WhatsApp e Oculus). A elección deste nome para a empresa quere reflectir a confianza que teñen no metaverso, nome que dan á súa proposta de hibridación entre o mundo real e o mundo virtual tecido polas súas plataformas, para así permitir realizar cousas que serían imposibles no mundo físico grazas á interacción entre persoas situadas en distintas localizacións.
Polo momento o metaverso aínda está nunha fase moi emerxente, presentándose no evento de hoxe diferentes ferramentas para facilitar a creación de experiencias de realidade mixta incluíndo a Presence Platorm que está en probas para Oculus Quest 2 (dispositivo que pasará a coñecerse como Meta Quest 2, xa que a marca Oculus diluirase en Meta a primeiros de 2022). Aparte de cascos de realidade virtual, a intención de Meta é espallar o metaverso en realidade aumentada e smart glasses, ou sexa, que buscan facer que esta tecnoloxía poida achegarse no futuro ao noso día a día, permitindo que obxectos físicos como pantallas, escritorios, xogos de mesa e moitos outros elementos poidan substituírse por hologramas.

O metaverso promete mesturar elementos do mundo real e o virtual, abrindo a porta a novos xeitos de interactuar socialmente

PUBLICIDADE