A colección de arte da Fundación María José Jove estrea aplicación móbil

martes, 12 de novembro do 2019 Marcus Fernández

A Fundación María José Jove presentou esta mañá na súa sala de exposicións a aplicación móbil de realidade aumentada da súa colección de arte que permitirá interactuar con 75 obras dos séculos XIX, XX e XXI, converténdose na máis completa de España. Deseñada Xoia Software Development, trátase dunha ferramenta de uso real, diario e masivo para todos os visitantes, que inclúe a práctica totalidade das obras expostas, incluídas esculturas, e que vai máis aló do simple recoñecemento das obras, se non que o visitante pode interactuar con elas a través de puntos de información en cada peza, ampliares trazos de pincelada, técnicas, elementos curiosos ou anecdóticos do cadro, etc.
Tal e como explicou Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove, «a aplicación enmárcase dentro do noso compromiso con facilitar o acceso á cultura e poderá utilizarse tanto desde a propia sala de exposicións como desde casa. Será unha importante ferramenta para as actividades que desenvolvemos con colectivos en risco de exclusión e tamén no ámbito escolar».
De balde e dispoñible para dispositivos con Android e con iOS, cun xesto tan sinxelo como enfocar o smartphone ou a tableta cara a unha das pezas, a aplicación recoñece a obra dando acceso a contido ao que non sería posible acceder a través dunha infraestrutura física tradicional.
A aplicación inclúe funcionalidades como descubrir datos de interese na obra como detalles na súa superficie ou a súa composición, peculiaridades históricas, etc. ou escoitar aos artistas en primeira persoa falando das súas obras. É dicir, o visitante é totalmente autónomo e, ademais de acceder a unha ampla información multimedia sobre cada peza concreta, pode situar puntos de interese en cada obra, interactuando co propio cadro.
A aplicación móbil permite descubrir estas 75 obras de maneira libre ou realizar algunhas dos 6 roteiros planificados na aplicación: Pintura española do século XIX e principios do século XX; Vangardas históricas e Escola de París; Vangarda histórica galega; Informalismo; Século XX: da década dos 70 aos 80 e Século XXI Arte Internacional, aumentando o acceso á información relacionada cos autores e as súas obras, facilitando así mesmo a accesibilidade tanto escrita como narrada e ao contido multimedia.
Neste sentido, a directora da Colección de Arte da Fundación, Susana González, explicou que «a aplicación é unha ferramenta viva e que iremos ampliando e enriquecendo de maneira continuada, do mesmo xeito que a nosa colección».
Esta aplicación desenvolvida por Xoia Software Development (empresa galega especializada no deseño de solucións baseadas en realidade aumentada e virtual que se converteu en referente aplicando estas tecnoloxías en sectores como o Turismo, a Cultura e Patrimonio ou a Industria 4.0), utiliza a realidade aumentada con dous fins: por unha banda, para o recoñecemento das propias obras para mostrar o contido asociado correcto a cada unha delas, así como para situar, de maneira precisa, dentro de cada obra, puntos de interese interactivos para ampliar información. E, doutra banda, o contido da aplicación está xestionado desde unha plataforma na nube desenvolvida por Xoia, desde onde se pode acceder ao contido de cada cadro ou autor, roteiros, locucións, etc. Isto, tal e como explica Xoel Vázquez, CEO de Xoia, «facilita que sexa o propio museo o que actualice o contido da exposición, sen necesidade de coñecementos técnicos e en tempo real, o que significa que non é preciso actualizar a aplicación desde as súas respectivas tendas, para ter o contido ao día, convertendo a aplicación e plataforma nunha ferramenta viva de xestión museística e pioneira en España».

Vídeo de presentación da nova aplicación móbil

PUBLICIDADE