A cidadanía de Porto do Son poderá formarse en trámites online coas administracións o vindeiro 6 de xuño

luns, 29 de maio do 2023 S. P.

O Concello de Porto do Son, en colaboración coa empresa pública estatal INECO, organiza este mes de xuño un curso para axudar á cidadanía nas súas relacións coas institucións públicas, poñendo o foco en facilitar tramitacións, operacións e comunicacións a través das novas ferramentas, de xeito cómodo, áxil e seguro.
No curso Trámites Online coa Administración, de dúas horas de duración, as persoas participantes aprenderán a realizar distintos procedementos básicos coa Administración, como a obtención e utilización de medios de identificación (e-DNI, certificado dixital, clave permanente, etc.), a solicitude de cita previa en distintas administracións ou a presentación de documentación por sede electrónica, entre outras operacións.
“Este curso é de vital importancia para aqueles/as que non estades familiarizados/as con este tipo de trámites, cada vez máis frecuentes”, sinalan dende o Concello.
Celebrarase o 6 de xuño, en horario de 9:30h a 11:30h, no Viveiro de Empresas de Porto do Son. As inscricións cómpre facelas en jose.pazo@portodoson.gal indicando nome completo e teléfono de contacto.

PUBLICIDADE