A ciberdelincuencia centrou unhas xornadas no pazo de Mariñán

venres, 20 de setembro do 2019 Redacción

Esta semana falouse na nosa terra de ciberseguridade e das tecnoloxías que teñen o potencial de protexer outras tecnoloxías, imprescindíbeis para o avance da actividade comercial nas redes, para a universalización do coñecemento e para o impulso da eAdministración. Estamos a falar das sesións sobre protección dixital inseridas na Escola de Verán do Ministerio Fiscal, que xuntaron no pazo de Mariñán (Bergondo), a fiscais de xuristas de toda España para afondar na cuestión dos ciberdelitos e a criminalidade informática.
Na cita, este xoves 19, participaron a fiscal xeral do Estado, María José Segarra, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín.
Segarra salientou “a colaboración institucional da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia que, dende hai 18 anos, fai posíbel a celebración destas xornadas na provincia da Coruña e que "nos permite plasmar a forma de traballo dos fiscais".
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, deu a benvida á provincia da Coruña aos participantes na Escola de Verán e gabou o importante labor que desenvolven no ámbito da xustiza, “xunto coa da educación, unha das máis importantes do ámbito público”. Formoso afirmou que a revolución tecnolóxica que vivimos “fai que o mundo cambie a un ritmo vertixinoso e as administracións, tamén a xustiza, debemos adaptarnos a ese ritmo”.
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, destacou tamén a longa traxectoria de colaboración que permite que estas xornadas se celebren en territorio coruñés e repasou algunhas das temáticas tratadas nas xornadas, sempre relacionadas coa actualidade.

PUBLICIDADE