A cámara do iPhone 6s non consegue situarse nunha posición de liderado

mércores, 14 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos afixémonos a que, tras o lanzamento dun novo iPhone, os smartphone de Apple conseguise manterse nunha posición líder durante varios meses nunha das características máis apreciadas polos consumidores, a cámara, pero este ano parece que vai ser distinto, e dispositivos que chegaron antes ao mercado parecen manter a súa posición á vez que continúan a saír teléfonos que superan ao de Apple tanto no disparo de fotografías como na gravación de vídeo se atendemos ás análises de DxOMark.
Tras someter a probas ao iPhone 6s, dende DxOMark confirman que estamos ante un smartphone cunha cámara excelente, que acadaría unha puntuación dun 83 en fotografías e un 80 en vídeos, destacando por conseguir moi bos niveis de exposición, un enfoque automático rápido e preciso, un balance de brancos bastante fiable e un bo nivel de detalle coa boa luz, pero a cámara do iPhone 6s non se comportaría tan ben en condicións con pouca luz, de xeito que en interiores amosaría ruído visible e algunha alteración da cor, así como algunha outra imperfección.
A nova cámara de 12 Mpíxeles cun sensor BSI de 1/3” sería bastante bo, pero as probas non amosarían unha mellora substancial na calidade das imaxes con respecto á cámara do iPhone 6, pero a caída de posicións desta cámara non suporía un empeoramento da súa calidade, senón unha substancial mellora da competencia, de xeito que a cámara do smartphone de Apple empataría coa de dispositivos como o Sony Xperia Z3 Plus, mentres que se vería superada polas cámaras do Moto X Style (83 puntos), do Samsung Galaxy Note 4 (83), do LG G4 (83), do novo Nexus 6P (84), do Samsung Galaxy S6 Edge (86) e do Sony Xperia Z5 (87), destacando especialmente estes dous últimos, que son os grandes smartphones de referencia con Android, aínda que cómpre destacar que tamén teñen un rango de prezo bastante elevado, polo que non serán poucos os que prefiran optar por terminais como o LG G4 ou o Moto X Style, que teñen uns resultados moi próximos a uns prezos máis contidos.

Táboa na que se comparan os resultados das cámaras dos smartphones de referencia actualmente

PUBLICIDADE