A cámara OTTO quere axudarnos a producir contidos dun xeito orixinal

venres, 16 de maio do 2014 Marcus Fernández

Aínda que o formato de imaxes animadas GIF poida considerarse como condenado á extinción, continúan usos creativos e humorísticos baseados neste limitado xeito de facer animacións que poden compartirse na web, e para poder crear este tipo de imaxes dun xeito diferente propoñen unha curiosa cámara hackeable baseada nunha placa de Raspberry Pi, que permitiría recoller imaxes xirando unha manivela, para poder compartir logo a imaxe GIF resultante a través do móbil.
A cámara OTTO contaría con numerosos filtros creativos diferentes aos que vemos habitualmente noutras cámaras, pois tira un proveito intensivo do formato GIF, pese a que estariamos ante unha cámara cun sensor CMOS de 5 Mpíxeles (resolución moi superior ao que estamos afeitos a ver en formatos animados). A cámara tamén podería gravar vídeo ata Full HD a 30 cadro por segundo (ou 640 x 480 a 90 imaxes por segundo), e aínda que no pode competir coa meirande parte de produtos fotográficos que hai actualmente no mercado, a súa orixinal proposta está a animar a numerosos mecenas a intentar facerse cunha destas cámaras que poden conseguirse a través de Kickstarter cunha achega de 199 dólares no seu modelo básico ou 249 dólares no seu modelo con flash, uns 153 e 189 euros respectivamente (cos gastos de envío incluídos).
A cámara OTTO pode empregarse para facer fotografías normais, GIF animadas ou incluso time lapses, resultando o seu funcionamento bastante doado: na súa aplicación móbil elíxese o modo no que queremos realizar unha fotografía, logo empregaremos a cámara para capturar a instantánea para continuar coa transferencia das imaxes a través de Wi-Fi para a súa posterior distribución a través de redes sociais. Espérase que este trebello comece a distribuírse entre os que o financien durante o mes de decembro.


Vídeo de presentación do proxecto de micromecenado de OTTO

PUBLICIDADE