A cámara Bloggie 3D chega ás tendas

venres, 29 de abril do 2011 Marcus Fernández

Tras a súa presentación no CES de Las Vegas a primeiros de ano, Sony cumpriu polos pelos a súa promesa de comercializala en abril e finalmente chegou ás tendas a cámara Bloggie 3D (tamén coñecida como MHS-FS3), que destaca por contar con 2 sensores Exmor CMOS que permítenlle tomar imaxes e vídeo en 3D, almacenándoos nunha memoria interna de 8 Gb e podendo transferilos por USB a través dun porto integrado. Tamén conta cunha saída HDMI para poder ver os vídeos gravados en 3D nun televisor compatible. Cando tomamos imaxes en 2D esta cámara pode captar instantáneas a 5,15 Mpíxeles e vídeo a Full HD. A súa pantalla traseira é de 2,4 polgadas (e por desgraza non é autoestereoscópica) e a súa autonomía é dunhas 4 horas de gravación de vídeo.
O seu prezo depende dos distintos mercados, estando xa dispoñible en EE.UU. por 249 dólares, por 249,99 libras en Reino Unido, 269 euros en Alemaña e 250 euros en Francia. Parece así que en España imos poder atopala nas tendas a uns 269 euros.
A cámara Bloggie 3D é unha solución ideal para captar contidos estereoscópicos de termos un televisor compatible con esta tecnoloxía, aproveitando a boa sona que ten a liña de cámaras Bloggie de Sony, e facilitando a captación de imaxes cunha resolución aceptable (pois a gravación de vídeo que supostamente achegará a Nintendo 3DS sería unha característica máis anecdótica que práctica).

A Bloggie 3D permite tomar imaxes estereoscópicas pese a ter un deseño moi compacto

PUBLICIDADE