A caixa do Alcatel OneTouch Idol 4S servirá de lentes de realidade virtual

xoves, 11 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O fabricante de móbiles Alcatel está a conseguir volver a ser relevante dende que está en mans chinesas (TCL), comercializando terminais bastante atractivos e con boas prestacións a prezos bastante contidos, e agora, como un xeito de captar a atención sobre a súa marca, sorprende cun interesante anuncio sobre o seu OneTouch Idol 4S, que será un dos produtos estrela para este ano, e que distribuirase nunha caixa de plástico resistente que pode transformarse nunhas lentes de realidade virtual na liña do cartón de Google, o que é un detalle atractivo para os que queiran introducirse no que promete ser a tecnoloxía de moda durante o presente ano.
O Alcatel OneTouch Idol 4S é o produto máis potente lanzado nunca pola compañía, contando cunha pantalla AMOLED quad HD de 5,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 652 de 8 núcleos, 3 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), cámara traseira de 16 Mpíxeles con apertura f/2.0, cámara frontal de 8 Mpíxeles e un prezo que estará por debaixo dos 400 dólares cando chegue ás tendas no mes de maio.
Para usuarios menos esixentes tamén comercializará o OneTouch Idol 4, con pantalla de 5,2 polgadas, procesador Snapdragon 617, 2 GB de RAM e cámara traseira de 13 Mpíxeles, detalles que permitiríanlle manter o seu prezo nuns 250 dólares.

PUBLICIDADE