A biblioteca municipal de Estudos Locais da Coruña dará a coñecer o seu patrimonio a través da Rede

venres, 18 de xaneiro do 2019 Redacción

A biblioteca municipal de Estudos Locais da Coruña dixitalizará os seus fondos grazas a que o concello coruñés vén de acadar unha achega europea para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia. En total, a administración local percibirá un total de 56.819,48 euros para a preservación e difusión dos materiais do centro municipal especializado na historia da Coruña a través da plataforma Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia.
O proxecto do Concello acadou, con 95 puntos, a máxima puntuación da primeira edición desta convocatoria, que está financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, e na que se tivo en conta a coherencia da iniciativa presentada, así como o interese patrimonial do material. A este respecto, o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, salienta a oportunidade que supón facer máis accesible os fondos que se atopan nun «espazo de excelencia e centro de referencia bibliográfico» como é o de Durán Loriga. «Con este proxecto damos novos pasos no obxectivo de achegar á cidadanía o patrimonio local» apunta o edil, en referencia á iniciativa Memoria Local posta en marcha polas bibliotecas municipais o pasado mes de outubro, e que ofrece información vinculada tanto a coleccións especiais como bibliotecas de particulares que se atopan nos seus fondos.

PUBLICIDADE