A betanceira Disashop, nova incorporación ao Clúster TIC Galicia

xoves, 9 de xaneiro do 2014 Redacción

O Clúster TIC de Galicia comezou o ano cunha nova incorporación ao seu seo, que é o mesmo que dicir que o noso sector tecnolóxico-dixital xa é un pouco máis forte. A empresa acabada de adherirse á plataforma non é outra que Disashop, que segundo nos lembran dende o Clúster constitúe o principal servizo estatal de distribución de produtos electrónicos prepago. Disashop ten sede en Betanzos e conta cunha rede comercial de máis de 22.000 puntos de venda nos catro países nos que opera (España, Estados Unidos, Perú e República Dominicana), dos cales máis de 15.000 están en España.
Sinalar tamén que a compañía betanceira opera directamente coas principais compañías de telecomunicacións e cos principais emisores de medios de pago electrónico do mundo mediante dúas plataformas (centros de proceso de datos) de alta dispoñibilidade que lle permiten xestionar na actualidade máis de medio millón de transaccións diarias. No 2012 acadou un volume de 323 millóns de euros de vendas cun cadro de persoal de 170 empregados directos.
Como sinalamos no seu día dende Código Cero, Disashop figura actualmente na listaxe de firmas europeas que máis medran. Máis polo miúdo, foi incluída polo IESE e a organización Europe´s 500 na súa listaxe de empresas europeas (descargábel en formato PDF) que máis crecen e crean emprego, edición 2013. Lembrar que se trata duns premios que se entregan cada ano polas devanditas entidades e que ten como obxectivo amosar ante a cidadanía e o tecido produtivo as compañías que máis espallan a súa actividade na contorna da UE. Segundo apuntou Disashop con motivo deste recoñecemento, a clave para a inclusión nesta listaxe foi a súa aposta pola innovación e a expansión internacional.

PUBLICIDADE