A beta de WhatsApp deixa de funcionar por un erro

luns, 27 de marzo do 2023 Marcus Fernández

O pasado día 24 WhatsApp publicou unha actualización da súa beta para Android que curiosamente estaba destinada a deixar de funcionar o día 27, de xeito que durante a fin de semana non foron poucos os usuarios que recibiron notificacións instándoos a actualizar a aplicación antes da súa caducidade, pero finalmente chegou o día, e moitos dos usuarios de WhatsApp, inscritos na beta para recibir as últimas novidades da aplicacións de xeito preferente, atopáronse cunha aplicación caducada, e coa imposibilidade de solucionar a situación actualizándoa xa que na tenda de aplicacións de Google non hai unha versión posterior á do día 24.
A solución proposta para poder continuar a empregar WhatsApp era saír do programa de probas da aplicación e instalar a versión ordinaria, proceso que precisa de ter unha copia de seguridade actualizada, procedemento bastante pesado, o que levou a moitos usuarios a adoptar unha solución temporal: desactivar a hora automática no smartphone e mudar a data do sistema para que a aplicación non caduque, e así poder seguir a usar WhatsApp até que finalmente publiquen unha actualización que corrixa este fallo.
Aínda que é bastante probable que o problema se solucione en breve, dende WABetaInfo advirten que é posible descargar un APK da páxina web oficial de WhatsApp que inclúe unha versión da aplicación sen o fallo que provoca a caducidade da aplicación, polo que con instalar ese ficheiro e reiniciar a aplicación xa é posible continuar a empregar WhatsApp con normalidade sen ter que abandonar a beta.

PUBLICIDADE