A beta de Spotify para Apple Watch por fin é unha aplicación independente do móbil

mércores, 4 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Spotify conta con aplicación autónoma para reloxos conectados dende hai bastante tempo, pero no caso do Apple Watch tiña limitacións impostas pola propia Apple, e tras distintos cambios das restricións de iOS, por fin a aplicación para o Apple Watch puido evolucionar e leva semanas nunha fase de probas que está a abrirse masivamente ao público, de xeito que boa parte dos usuarios dun dos reloxos da compañía da mazá poden por fin empregar o seu trebello de pulso para reproducir música ou escoitar podcast valéndose da conectividade Wi-Fi ou móbil sen depender dun iPhone.
A aplicación de Spotify para Apple Watch existe dende hai un par de anos, e por fin pode dicirse que é equiparable a do resto de reloxos conectado do mercado, grazas principalmente a que Apple deixou de aplicar unha clara discriminación a este servizo para favorecer o seu propio servizo de streaming musical (Apple Music).
A beta da aplicación para o reloxo está bastante distribuída, dando a impresión de que o seu lanzamento oficial está moi preto.

PUBLICIDADE