A base de datos de bUSCatermos achega en acceso libre até 180.000 denominacións galegas
mércores, 7 de novembro do 2012
Temos datos máis
concretos sobre as funcionalidades da base de datos terminolóxica
bUSCatermos da
Universidade de Santiago, posta a disposición da toda a comunidade
internauta a comezos de outubro, tal
e como sinalamos dende Código Cero, co obxectivo de atender as
demandas lingüísticas dos usuarios alleos á USC. Como
lembraremos, o servizo, no que se comezou a traballar en 2001, ficaba
até o de agora a disposición dos computadores da rede interna
universitaria, cousa que non impediu que os seus desenvolvedores se
decatasen, xa dende o principio, do amplo potencial de uso da base de
datos a nivel xeral. Se non se puído facer até o de agora, foi por
non ter lista unha aplicación informática que soportase visitas e
consultas de xeito masivo. Con esta nova andaina, temos ao alcance da
man a cifra nada desprezábel de 180.000 denominacións galegas.
Para facérmonos unha idea, sinalar que o que achega
o dicionario
da Real Academia Galega son algo máis de 50.000 entradas, o da
Real Academia Española unhas 88.000, e un dos maiores dicionarios de
galego, o Gran Dicionario Xerais da Lingua, non chega ás
100.000. As 180.000 que fornece o bUSCatermos, a maiores, constitúen
unicamente unha parte dun todo. A estas entradas cómpre engadir
outras 100.00 en castelán “e tamén equivalentes (aínda
que non en todos os casos) noutros idiomas, portugués e inglés,
sobre todo, e en menor medida en francés, catalán, alemán e
italiano”, informan fontes do Servizo de Normalización
Lingüística da USC, departamento responsábel en boa medida de todo
este inxente labor, que incluíu entre outras moitas cousas unha
escolma de todo seu material terminolóxico, xerado ao longo das súas
tres décadas de actividade. Con todo isto, e co labor de “moitas
persoas e institucións que cederon de xeito gratuíto e xeneroso os
seus traballos terminolóxicos para incorporalos á base de datos”,
bUSCatermos
suma case medio millón de termos.
A posibilidade de consultar o
bUSCatermos dende calquera computadora do mundo conectada a Internet
tamén se debe á Secretaría
Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que coa súa
achega económica fixo posible que a Área
das TIC da USC liderara o deseño e integración dunha nova
aplicación que permite que agora bUSCatermos sexa accesible a todo o
mundo.
A engadir a todo o devandito, cómpre sinalar que o equipo
de
localización para o galego de Firefox desenvolveu un complemento
que permite integrar o bUSCatermos na caixa de procuras deste
navegador, sen ter que ir á páxina principal da ferramenta
terminolóxica.