A base de datos bUSCatermos xa está en aberto para toda a comunidade internauta

luns, 1 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Presentación da nova etapa da base de datos, este luns día 1 de outubro na Cidade da Cultura

O servizo bUSCatermos, achegado á comunidade internauta pola Universidade de Santiago, co fin de facilitarlle unha base de datos en liña de terminoloxía técnica en clave multilingüe, xa se pode consultar abertamente en liña. A ferramenta, que foi xa habilitada en 2007, ficaba até o de agora en acceso restrinxido para os membros da USC. Agora, en virtude dun acordo coa Consellería de Cultura, está xa a disposición de tódolos internautas. Cómpre lembrar que bUSCatermos ofrece información de máis de 150.000 conceptos e é unha base de datos formada a partir da escolma, tratamento e reelaboración de dicionarios e vocabulario técnicos que teñen o galego entre as súas linguas de traballo.
Tamén se achegan propostas terminolóxicas do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago para a resolución de calquera dúbida concreta que poida xurdir.
O eixe arredor do que xira a ferramenta é a lingua galega, pero tamén abrangue termos en castelán, inglés, portugués, francés, italiano, alemán e catalán. En total, son preto de 150.000 fichas terminolóxicas que remiten ao seu usuario a un fondo de máis de 313.500 termos nos idiomas descritos.
Esta nova vida do bUSCatermos foi presentada polo miúdo este luns na Cidade da Cultura de Santiago, contándose coa participación activa do director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, e do responsable da área de Terminoloxía deste mesmo servizo, Xusto Rodríguez, que explicaron os detalles da base de datos e os camiños futuros a seguir. Na presentación fixeron acto de presenza, tamén, o reitor Juan Casares, o conselleiro Xesús Vázquez e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Na cita explicouse a natureza do convenio asinado entre a USC e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que, entre outras cousas, posibilitou a revisión e a depuración da base de datos, o deseño dunha nova ferramenta de acceso e uso e máis a migración da información cara a ela. Deste xeito, sinalou a USC e a Secretaría Xeral, “ampliouse a información que contén cada entrada e melloráronse as facilidades para as buscas, o que supón flexibilizar a aplicación, de xeito que poida converterse nun corpus aberto e en permanente actualización”.

PUBLICIDADE