A banda sonora do último Street Fighter pódese descargar de balde

luns, 1 de decembro do 2008 Marcus Fernández

A semana pasada chegou ao Bazar de Xbox LIVE con grande éxito o xogo Super Street Fighter II Turbo HD Remix (que esta semana tamén se poderá adquirir para PlayStation 3), no que é un dos mellores xogos deste tipo (remake dun clásico das máquinas recreativas) que chegou ás consolas de alta definición, e que non deixa de dar alegrías aos seus fans, xa que a xente de OverClocked ReMix (seleccionados por Capcom para actualizar a banda sonora do xogo) veñen de publicar as 66 pistas sonoras que ambientan o xogo, permitindo a súa descarga de balde, tanto a través de BitTorrent (para descargar todos os temas de vez e con alta calidade de son) como a través da súa web (tema a tema), o que é todo un detalle nun momento non que as compañías de videoxogos están a cobrar por case todos os produtos relacionados coas súas creacións.
Tamén cómpre destacar que o equipo de OverClocked ReMix son afeccionados, polo que se podería dicir que Super Street Fighter II Turbo HD Remix é o primeiro xogo importante en contar cunha banda sonora totalmente desenvolvida por afeccionados, aínda que contando coa inspiración dos temas do xogo orixinal.

PUBLICIDADE