A banca en liña en España segue costa abaixo

luns, 22 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

A Rede, que pensabamos que era unha burbulla a proba de burbullas (polo que tiña de achega de novos sistemas, canles e tecidos económico-empresariais perante a crise, motivada en parte pola continuidade de vellos sistemas, canles e tecidos), tampouco semella estar cen por cen a salvo da crise económica mundial, tal e como se pode deducir da caída xeral do beneficio da banca en liña anunciado estes días pola Axencia EFE. Os datos, que se refiren aos cinco bancos que traballan en España pola Rede e con marca propia (Openbank, Allfunds, Uno-e, Bancopopular-e e Inversis), achegan un panorama pouco alentador para a banca en liña a curto e medio prazo. Este feito, que se debe en boa medida ao clima de recesión financeira a nivel mundial do que non se ve aínda a saída, agrávase un pouco máis se temos en conta a cifra exacta de caída de beneficios: descendeu nunha taxa do 80.65% nos primeiros nove meses de 2008 no que respecta ao mesmo período de 2007, o que representa unha cifra de 11,35 millóns de euros.
Asemade, cómpre engadir que a banca en liña que opera en España tiña concedidos até setembro créditos por valor de 2.326,14 millóns de euros, unha contía que comparada cos 2.514,31 millóns achegados no ano anterior dá unha idea do parón de actividade que está a sufrir o sector representado polas cinco empresas devanditas, das que, por certo, ningunha foi quen de obter nos tres primeiros trimestres de 2008 unha cantidade maior de ingresos que en calquera deses períodos de 2007. Porén, e segundo se informa en El Navegante, houbo diferentes niveis de fracaso. Neste senso, a caída menos vertixinosa foi a da filial do Santander Consumer Finance, Openbank, que gañou 16,40 millóns, un 8,8% menos. No extremo contrario sitúase Uno-e (BBVA).

PUBLICIDADE