A axencia en liña eDreams lanza campaña para promover a Festa de San Xoán da Coruña

mércores, 12 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

A axencia de viaxes en liña eDreams quere apostar pola Coruña e pola sona (cada vez máis estendida) da súa celebración de San Xoán. Este interese da empresa pola dita festividade, que como é de agardar céntrase en salientar os aspectos positivos (deixando de lado as montañas de plásticos que cada noite do 23 de xuño os celebrantes deixan na area como unha miúda pero enriquecedora contribución á paisaxe), manifestouse xa nun acordo con Turismo da Coruña dirixido a amosar os múltiples atractivos da devandita cidade ante os ollos dos millóns de clientes de eDreams en España, Portugal e Reino Unido. A iniciativa en cuestión xa ten face de seu na Rede e acompañarase de accións de promoción en Twitter, onde a axencia de viaxes online aglutina case 20.000 seareiros.
Para eDreams, tal e como se deixa ver na súa campaña, a Noite de San Xoán da Coruña, festa declarada de Interese Turístico Nacional, é “unha cita imprescindíbel para os propios coruñeses e visitantes, que cada ano se achegan á cidade atlántica para vivir unha noite única e inesquecíbel”. E engade: “Aínda que o día grande é a noite do 23 ao 24 de xuño, durante a semana previa a axenda da cidade está chea de concertos, espectáculos infantís, citas gastronómicas e unha infinidade de actividades que teñen o seu punto álxido coa celebración do ancestral rito do culto ao sol”.
Segundo o director xeral de eDreams en España, Javier Bellido, “a cidade da Coruña ten unha oferta turística dunha variedade excepcional que integra gastronomía, paisaxe, cultura e tradición; trátase dun destino de gran importancia para a economía galega e co que nos quixemos aliar para ofrecerlle á cidade un novo escaparate turístico e aos millóns de clientes de eDreams un destino cheo de maxia”. Asemade, dende eDreams salientan as boas comunicacións da cidade, nacional e internacionalmente, e nas posibilidades que isto ofrece para converter “o festexo herculino do solsticio do verán nun plan máis que atractivo para viaxeiros”.

PUBLICIDADE