A axencia en liña Miramar Cruises, PEME do ano da Coruña

xoves, 18 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Miramar Cruises, axencia de viaxes en liña especializada na venda de cruceiros, vén de obter un novo recoñecemento que sumar ao primeiro Premio CEL-Abanca ao Emprendemento na Provincia de Lugo, que reflectimos en Código Cero en 2016 salientando os principais motivos do galardón: a traxectoria emprendedora de Miramar Cruises, o seu carácter innovador, a súa capacidade de xerar emprego e riqueza e a súa vocación de internacionalización. Agora, a empresa galega vén de ser enxalzada polo Banco Santander e as Cámaras de Comercio de Santiago e A Coruña, en colaboración coa Cámara de España e o xornal La Voz de Galicia. Estas entidades outorgáronlle o Premio PEME do Ano 2018 da Coruña.
O acto de entrega do galardón, que este ano chegou á súa segunda convocatoria, celebrouse hoxe na sede da Cámara de Santiago e contou coa presenza do seu presidente, José Sierra; o director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Gonzalo Ortiz; o deputado provincial de Promoción Económica e Emprego da Deputación da Coruña, José Luís García; a directora territorial de Banco Santander, Rosario García Alonso; a subdirectora de Desenvolvemento Corporativo de Cámara de España, Beatriz Martín; e o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela.
O xurado valorou especialmente de Miramar Cruises unha serie de méritos para alzarse con este premio: a súa achega á creación de emprego no pasado ano (en concreto en relación ao emprego indefinido); as accións de internacionalización realizadas en 2017 (con especial interese á evolución das exportacións e investimentos exteriores) coa apertura de novos mercados e exportación de novos produtos; as iniciativas no ámbito da innovación e a dixitalización; e as actividades de formación organizadas pola empresa para os seus traballadores o pasado ano.
No acto tamén se lembrou que, amais dos ditos recoñecementos, Miramar Cruises tamén foi distinguida polas mellores axencias en liña de Europa e polas navieiras máis importantes do sector cruceirista mundial, como Royal Caribbean, MSC Cruceros ou Costa Cruceros. Tamén se recordou que a axencia galega está conformada por un equipo de 20 persoas, de carácter multidisciplinar e con ampla experiencia no sector turístico en xeral, e no segmento dos cruceiros marítimos en particular.
O director xerente da empresa, Hugo Iglesias Docampo, foi o encargado de recoller o premio, agradecendo a distinción e salientando que Miramar Cruises é “actualmente líder do seu sector”, con vinte traballadores e presenza internacional, chegando a embarcar xa a 30.000 persoas en cruceiros.
Concesión de tres accésits á internacionalización, innovación e formación
Ademais do Premio PEME do Ano 2018 da Coruña, nesta edición concedéronse tres accésits. O accésit de Internacionalización outorgouse a Gairesa, unha empresa do sector químico, situada en Fene (Ferrol), referente en formulación e fabricación de resinas epoxi, poliuretanos e pinturas arquitectónicas.
O accésit de Innovación e Dixitalización recaeu en Mecanizados Acebrón, empresa situada nas Pontes e centrada en solucións de fabricación, incluíndo a fabricación completa de conxuntos e subconxuntos mecánicos, probas de calidade, pre-montaxes, mantemento industrial e reparacións. Os principais sectores da empresa son o sector enerxético, o aeroespacial, o portuario e o de bens de equipo.
Por último, o accésit á Formación e o Emprego concedeuse a Cofrico, compañía situada na parroquia de Guísamo, en Bergondo. Cofrico naceu en 1985, e desde entón deseña e mantén instalacións de refrixeración industrial e comercial, climatización industrial e comercial e hostalaría industrial.

PUBLICIDADE