A aula CeMIT do Carballiño mergullará á rapazada na creación de mundos virtuais

venres, 9 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

A aula CeMIT do Carballiño vai introducir a residentes e visitantes, este verán, nos mundos das realidades alternativas creadas tecnoloxicamente e nas ferramentas máis populares e creativas para darlles forma. O obradoiro de realidade virtual, organizado por 123 Artes Dixitais e patrocinado pola Deputación de Ourense, desenvolverase entre os días 12 e 16 de agosto. Está concibido para achegar lecer e divulgación tecnolóxica a nenas e nenos de 8 a 15 anos. O número de prazas está limitado a 28, e as inscricións, que son de balde, poden facerse en liña.
O obxectivo do obradoiro é dar forma a “unha experiencia interactiva” que permita a máxima implicación do alumnado, que poderá esculcar nos procesos de creación de mundos dixitais e, tamén, crealos, facer movementos, debuxar sobre eles e enriquecelos. En palabras das entidades organizadoras do obradoiro, a rapazada “terá a oportunidade de gozar das oportunidades que achegan as tecnoloxías para o xogo e a acción”. Entre as tecnoloxías a empregar figura CoSpaces, a plataforma para dar forma, explorar e compartir mundos tridimensionais. Na recta final do curso, as nenas e nos poderán ver os seus traballos rematados con lentes de realidade virtual e botando man dos móbiles. Os interesados en inscribirse deberán dirixirse á aula CeMIT do Carballiño ou ben a través da ligazón específica habilitada.

PUBLICIDADE