A aula CeMIT de Ames acolle en marzo cursos para adultos e un obradoiro infantil para as vacacións

martes, 2 de marzo do 2021 Redacción

A aula CeMIT do Concello de Ames programou novos cursos telemáticos para o mes de marzo dirixidos ao público adulto, unha liña de actividade formativa e capacitadora que se vai complementar cun curso virtual infantil durante as vacacións de Semana Santa.
Este luns, 1 de marzo, comezou o curso de segundo nivel do obradoiro que se celebrou en febreiro, o de procesador de textos con LibreOffice Writer II, que se impartirá ata o 5 de marzo, de 17.30 a 19.00 horas. Trátase dunha actividade formativa de nivel medio a través da cal afondarase no uso do procesador de textos, aprendendo como manexar campos automáticos, cabeceira e rodapé, formato de páxina, FontWork, sinaturas dixitais, etc.
Dende o luns 8 ata o venres 12, impartirase o obradoiro de folla de cálculo con LibreOffice Calc I, de 17.30 a 19.00 horas. Nel, os alumnos e alumnas, aprenderan conceptos básicos de introdución ás follas de cálculo: interface de LibreOffice Calc, introdución de datos e formatado numérico, formato condicional, funcións básicas e funcións con condicións. O nivel medio deste curso terá lugar a semana do 15 ao 18 de marzo, de 17.00 a 19.00 horas. Nesta ocasión afondarase no uso das follas de cálculo: función condicional SE, funcións aniñadas, creación de gráficas, impresión das follas de cálculo, conxelación de filas e columnas, ordenar e filtrar...
O luns 22 de marzo comezará o curso de presentacións con LibreOffice Impress. Rematará o venres 25 e impartirase de 17.30 a 19.00 horas. Trátase dunhas clases de introdución ata o nivel medio de creación de presentacións con Impress: peculiaridades das presentacións, interface do programa, inserción e formatado dos elementos (cadros de texto, imaxes, FontWork, táboas, gráficas, vídeos...), animación e interacción das diapositivas, manexo de plantillas...
Curso para nenos e nenas
Os días 29, 30 e 31 de marzo, coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa, a aula CeMIT organiza un curso virtual para nenos, nenas e adolescentes.
A través de Youtube, en horario de 10.30 a 12.00 horas, poderase asistir ao obradoiro de Scratch, a ferramenta de programación e robótica educativa.
Este obradoiro de Semana Santa pódese seguir dende a casa ben sexa en solitario ou coa compañía da familia para aprender todos xuntos.

PUBLICIDADE