A aula AMTIC de ames achega o venres 9 unha xornada de electrónica e programación para a rapazada

luns, 29 de maio do 2023 S. P.

A aula AMTIC de Ames ten programada para o vindeiro venres 9 de xuño, na Casa da Cultura de Milladoiro, unha xornada lectiva arredor da electrónica e a programación. No evento poderán participar cativos e cativas de entre 8 e 14 anos, que serán divididos en dúas quendas. Na primeira franxa horaria, de 17:00 a 18:30 horas, terán cabida os nenos e nenas de entre 8 e 10 anos; mentres que na segunda, de 19:00 a 20:30 horas, impartiranse contidos para a rapaza dende os 11 ata os 14 anos.
Para comezar, haberá unha pequena charla teórica sobre a electrónica e a súa programación en placas de tipoloxía Arduino (con sensores e actuadores) e unha explicación da contorna de programación onde se realizará a práctica. A continuación, os participantes poderán desenvolver esa primeira práctica, para posteriormente presencial a programación electrónica dun robot.
Por outra banda, haberá tamén un espazo de exposición no que se realizará unha demostración de robots autónomos, e onde se ensinará unha impresora 3D.
As inscricións poden realizarse a partir do 29 de maio. As prazas asignaranse por orde de recepción das solicitudes ata completarse. Para anotarse é preciso enviar unha ficha de inscrición ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal. Tamén se pode facer de xeito presencial, acudindo ás instalacións da Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación (AMTIC), na Casa da Cultura do Milladoiro. O horario é de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas. Os luns e os martes tamén abre en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas.
Para consultar calquera dúbida pódese contactar coa AMTIC chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.gal.

PUBLICIDADE