A app do Concello de Ponteareas xa recibiu case 650 descargas en menos de dous meses

venres, 2 de setembro do 2016 Redacción

O Concello de Ponteareas vén de facer reconto dos froitos logrados até a data pola súa aplicación móbil municipal, como lembraremos presentada a comezos de xullo e co obxectivo de “facilitar todo tipo de comunicacións coa veciñanza”. A ferramenta, elaborada con medios propios polo Departamento de Informática da Concellería de Novas Tecnoloxías e inserida no marco do proxecto local Ponte Innova, leva xa dous meses dispoñíbel en libre descarga para móbiles iOS ou con sistemas Android. Segundo fai saber o Concello, a app xa recibiu presto de 650 descargas, “un dato que avala que imos no camiño correcto”, explicou o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Benito Márquez, engadindo que a ferramenta está a ser dende o seu arrinque un recurso axeitado para achegarse máis á cidadanía.
Segundo engadiu, a ferramenta “está a recibir moi boas críticas por parte dos usuarios”. Entre as funcionalidades mellor valoradas pola súa utilidade, explicou, atópase a opción de coñecer en cada momento cal é a farmacia de garda na vila. Do mesmo xeito, Benito Márquez sinalou que “dentro de pouco temos pensado implantar algunhas novidades para mellorar a navegación e acceder a toda a información dunha forma máis áxil e intuitiva”.

PUBLICIDADE