A app SERGAS Móbil permite á cidadanía chamar ao 061 e xeolocalizar a chamada

luns, 16 de xaneiro do 2023 S. P.

O Servizo Galego de Saúde puxo en marcha unha nova prestación na súa ferramenta Sergas Móbil que permite á cidadanía chamar ao 061 cando se teña unha emerxencia sanitaria. A nova ferramenta tamén posibilita xeolocalizar a chamada, que dota ao equipo do 061 de recursos para localizar o lugar exacto dende onde se realizou a mesma.
Segundo informou a Xunta, coa aplicación Sergas Móbil os usuarios poden acceder “dun xeito áxil e rápido” aos diferentes trámites que precisen realizar, como poden ser a xestión das súas citas médicas; localizar o itinerario máis curto para chegar ao seu centro de saúde; o emprazamento da súa consulta dentro do centro sanitario; solicitar a súa quenda desde o móbil sen achegarse a ningún mostrador; ou ser atendido na súa propia casa por medio dunha vídeo-consulta, cando non sexa precisa a atención presencial.
Entre as características de SERGAS Móbil destacan as melloras implementadas nos niveis de usabilidade e navegabilidade, ademais da súa capacidade para integrar dentro da mesma plataforma outras aplicacións dixitais desenvolvidas polo SERGAS, como son os casos de Telea (Telasistencia Domiciliaria), ou o portal É-Saúde, mediante o que se pode acceder á historia clínica, aos informes de laboratorio, á medicación activa de cada paciente ou aos resultados das diferentes probas realizadas no sistema público de saúde galego.