A aplicación unificada de Microsoft Office adáptase ao iPad

martes, 16 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

A aplicación de Microsoft Office para iOS vén de estrear nova versión cunha novidade moi importante: a súa adaptación ao iPad. Deste xeito podemos gozar dende unha única aplicación a experiencia de uso de Word, Excel e PowerPoint nunha tableta de Apple, pois até o momento a aplicación móbil carecía da optimización para iPad.
Esta aplicación para subscritores de Office 365 achega unha experiencia ofimática bastante completa, destacando especialmente polas súas facilidades para crear e asinar documentos en formato PDF, así como polas súas posibilidades de transformación de imaxes en documentos (ou sexa, que pode captarse algo coa cámara que en función do seu formato poida rematar sendo un documento de texto, unha folla de cálculo, unha presentación...).
Aínda que a aplicación de Microsoft Office non é tan completa como a suma das aplicacións independentes que integra, si inclúe as funcións principais das mesmas (centrándose en aproveitar as especificidades do dispositivo no que corre a aplicación), polo que é unha magnífica solución ofimática en mobilidade e, no caso de non contar coa pertinente subscrición a Office 365 poderemos gozar da aplicación no seu modo de só lectura.

JPEG - 85.3 KB
Microsoft Office permite crear e editar documentos de Word, Excel e PowerPoint dende unha única aplicación optimizada para iPad

PUBLICIDADE