A aplicación móbil de rastrexo de contactos para frear o coronavirus xa pode descargarse en toda España

luns, 3 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Aínda que en xuño anunciouse o inicio da fase de probas da aplicación española de rastrexo de contactos para loitar contra a pandemia empregando tecnoloxía de Google e Apple, confiándose en que a aplicación puidese pasar a empregarse masivamente no mes de outubro, semella que a situación sanitaria está a forzar a pisar o acelerador, e a aplicación Radar COVID está xa dispoñible para a súa descarga para Android e para iPhone en toda España, e non só en La Gomera, onde tiveron lugar as probas.
Deste xeito podemos xa operar con esta ferramenta que valéndose do Bluetooth do móbil permítenos manter un rexistro doutros móbiles equipados coa mesma aplicación de xeito que se un dos seus usuarios rexistra un positivo en COVID-19 pode notificalo para que os dispositivos que estivesen preto durante un tempo relativamente prolongado reciban un aviso alertando para instar ao illamento e á realización dunha proba para comprobar se un está infectado polo coronavirus, facilitando así a mitigación da pandemia, grazas a que esta ferramenta, de empregarse masivamente, serviría para identificar rapidamente a posibles contactos dun infectado.
A aplicación demostrou tecnicamente a súa viabilidade, podendo contribuír de xeito decisivo nos sistemas de rastrexo de contactos establecidos polos sistemas de saúde, de xeito que agora queda que as distintas comunidades autónomas decidan se queren implantar esta ferramenta que promete ser de grande utilidade á vez que protexe a privacidade dos usuarios, xa que nin os identifica persoalmente nin rexistra a súa posición GPS, ou sexa, que limítase a rexistrar contactos e a achegar información de utilidade sobre como actuar en función do nivel de risco que teñamos.

PUBLICIDADE