A aplicación móbil de rastrexo de contactos española iniciará as súas probas a vindeira semana

martes, 23 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Finalmente o Consello de Ministros aprobou o contrato para deseñar, desenvolver e avaliar unha proba piloto para unha aplicación móbil que permite o rastrexo de contactos coa finalidade de reducir os riscos de contaxio do coronavirus. A aplicación fará uso da API desenvolvida por Apple e Google co punto de vista posto en manter a privacidade dos usuarios.
Este proxecto piloto desenvolverase en coordinación co Servizo Canario de Saúde, e botará a andar a vindeira semana na illa canaria de La Gomera, co obxectivo de avaliar os aspectos técnicos e a experiencia de uso do cidadán, coa finalidade de optimizar o deseño da aplicación e o seu grao de confianza. Tamén servirá para calibrar o algoritmo da aplicación móbil para garantir a veracidade das notificacións. Confían en que a aplicación sexa instalada por 2 ou 3 mil persoas, para liberar logo 300 usuarios de proba que simularán estar infectados, de xeito que os usuarios que vaian entrando en contacto con eles recibirán unha notificación no seu smartphone con instrucións sobre como reaccionar.
Rematadas as probas poderán tomarse as decisións oportunas para a conexión da aplicación cos sistemas de saúde das distintas comunidades autónomas.
O contrato aprobado polo Consello de Ministros polo procedemento de emerxencia subscribiuse con Indra por un importe de 350.537,52 euros (IVE incluído).

PUBLICIDADE