A aplicación galega Pandeireta PRO consegue liderar as descargas para iPad na App Store (NOVA ACTUALIZADA)

venres, 28 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Alejandro Lamas anunciou as novas versións que preparan de Pandeireta PRO

Hai pouco máis dunha semana o selo galego Taptil sorprendeu ao mundo estreando na App Store unha aplicación universal para iOS chamada Pandeireta PRO, unha aplicación móbil que podemos definir como un simulador de pandeireta que facilita a interpretación de muiñeiras, xotas, maneos ou pasodobres dende dispositivos móbiles e incluso con auriculares, detalle que agradecen os apaixonados a este instrumento tradicional que así poderán practicar con el de xeito discreto na intimidade, e que no seu primeiro día superou o milleiro de descargas de balde na tenda de aplicacións de Apple, tendencia que foi en incremento até conseguir hoxe mesmo liderar as descargas entre as aplicacións gratuítas para iPad na App Store española.

A aplicación está dispoñible para iPhone, iPod Touch e iPad

Aínda que Pandeireta PRO non conseguiu tan boa acollida na súa versión para iPhone (que polo tamaño do dispositivo achega unha experiencia menos realista) a recepción do público por esta ferramenta leva a Taptil a non limitarse en levar esta aplicación a novas plataformas como Android ou Windows 8/RT/Phone 8, senón que, Alejandro Lamas de Sixtema (unha das dúas compañías galegas que compoñen Taptil) confirmou que xa están a traballar en dúas expansións de Pandeireta PRO, que non serán outra que unha Tuna Edition (que promete acadar certa sona en Compostela e outras cidades con tradición tunante) e mesmo unha versión competitiva que responderá ao nome de Pandeireta Hero, seguindo así os pasos de xogos de éxito como Guitar Hero ou Rock Band.


Dende Taptil anuncian novas versión de Pandeireta PRO tras o éxito da súa primeira entrega

Pandeireta PRO achegará modo competitivo con Pandeireta Hero


ACTUALIZACIÓN (29-12-2012): Aínda que a aplicación Pandeireta PRO estea a ter un éxito notable (está a piques de chegar ás 10.000 descargas), o feito de que chegase a liderar as descargas na App Store española é unha broma propia da data na que se publicou a nova. ¡Feliz Día dos Santos Inocentes!

PUBLICIDADE