A aplicación de Netflix para Android xa permite descargar contidos en tarxetas SD

mércores, 25 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

A posibilidade de descargar contidos para a súa reprodución sen conexión á Internet foi unha das características mellor recibidas para as aplicacións móbiles de Netflix dende o seu lanzamento, xa que facilita que os usuarios poidan descargar a través de Wi-Fi varias películas e episodios de series de televisión para, por exemplo, a súa visualización durante viaxes, sen ter que tirar da súa tarifa de datos móbiles e, especialmente, para poder gozar do material audiovisual incluso cando non se teña acceso á Internet (como cando se viaxa en avión).
Pero esta prestación tiña unha grande limitación, o espazo que os contidos ocupan na memoria interna do teléfono ou a tableta, de xeito que para moitos usuarios era un auténtico atranco, xa que ao non contar con dispositivos cun grande almacenamento interno non se podía realizar un bo aproveitamento da reprodución de vídeo sen conexión, o que vén de solucionarse en boa medida coa última versión da aplicación de Netflix para Android, que aparte das habituais correccións de erros incorpora no seu menú de configuración a posibilidade de definir a Ubicación de descarga, de xeito que xa non é obrigatorio empregar o almacenamento interno do noso dispositivo móbil, senón que tamén poderemos elixir o uso de tarxetas de memoria SD (para o que o terminal solicitará autorización ao usuario), o que facilita viaxar cunha boa colección de contidos audiovisuais de Netflix.

PUBLICIDADE