A apertura do espazo Maker na Coruña impulsa os Museos Científicos da Coruña

mércores, 18 de novembro do 2015 Redacción

O Concello da Coruña vén de facer reconto da actividade xerada polos espazos de divulgación científica ao longo da Semana da Ciencia 2015. Foron, en total, 37.964 persoas as que se achegaron os días pasados ás instalacións de divulgación científica municipais, “o que supón un incremento dun 4,2% de visitantes respecto a mesmo período do ano anterior”. Como lembraremos, a rede de museos científicos do concello está integrada polo Aquarium Finisterrae, a Domus e a Casa das Ciencias. Segundo fixo saber José Manuel Sande, concelleiro de Culturas e Deporte, unha das razóns deste éxito de participación é a apertura recente da Sala Maker da Domus, de cuxa posta en funcionamento (fomentando o espírito da autonomía tecnolóxica e innovadora dos cidadáns) falamos arreo en Código Cero.
Segundo salientou Sande, “a constante actualización dos contidos por parte dos Museos Científicos, como é a creación do novo espazo Maker”, así como “a implicación do seu persoal” no desenvolvemento de “novas liñas de traballo e proxectos de presente e futuro”, resultaron “fundamentais” para provocar maior interese por parte da veciñanza na presente edición da Semana da Ciencia.
Volvendo ás cifras, sinalar que o museo científico máis visitado durante a Semana da Ciencia, o Aquarium Finisterrae, recibiu nunha soa semana 21.477 persoas, “máis público que en calquera mes da primeira metade do ano 2015”. O rexistro na Domus tamén aumentou durante a celebración da Semana da Ciencia 2015, até acadar as 9.157 visitas, ao igual que a asistencia á Feira OSHWDem, que contou con 1.598 participantes, 400 máis que na edición de 2014. “Pola súa banda”, engadiu o edil, “o museo máis antigo da tríade e que este ano celebra o seu 30 aniversario, a Casa das Ciencias, rexistrou unha leve caída e recibiu 7330 visitantes”.
Polo que respecta ao espazo Maker@Domus, inaugurado a comezos de novembro, sinalar que se trata dun emprazamento de divulgación e dinamización emprazado na Domus (inserida á súa vez na rede de Museos Científicos da Coruña) cuxo lema é contribuír a que os visitantes sexan tamén participantes e se animen a facer tecnoloxías coas súas propias mans (o alicerce do movemento maker), fomentándose así o traballo cooperativo e de rede. A sala, por certo, conta con varias contornas de actividade: unha para realizar actividades de grupo, outra para celebrar actividades formativas, unha terceira para tarefas propias de maker e dous espazos tipo fab-lab, para traballos tipo obradoiro (cortadoras láser e tornos). Cómpre subliñar que o espazo é totalmente configurábel, podendo adaptar os espazos ás distintas actividades así como a eventos máis multitudinarios.

PUBLICIDADE