A alza do combustible abre novos vieiros para o traballo en Rede

martes, 10 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Teñen algunha relación a alza dos prezos dos combustibles e o incremento do emprego das novas tecnoloxías do coñecemento? Pode un factor influír no outro? Segundo certos estudos de analistas e de empresas vinculadas ó eido tecnolóxico, o primeiro está a afectar de xeito moi negativo ás economías pero, ó mesmo tempo, tamén lles dá azos ós novos vieiros de vida laboral que non impliquen para o/a traballador/a a necesidade de desprazarse e, polo tanto, crearlles gastos innecesarios ás compañías. Dito doutro xeito e para que se entenda: esta que vivimos ben podería ser unha boa oportunidade para que o proceso produtivo mundial comece un novo rumbo, lonxe dun réxime de dependencia cos combustibles derivados do petróleo que xa raia coa escravitude. Resultado de todo isto? Aforramos custos, contaminamos menos e non perdemos nin tempo nin paciencia nas estradas.
A pregunta que nos podemos facer é: pódese aplicar a fórmula do teletraballo a todos os niveis? Evidentemente non. Hai tarefas que é preciso facer in situ, pero, tal e como se reflicte en investigacións da universidade de Maryland e da firma Rockbridge referentes a 2006, o 25% dos traballadores estarían en situación de levar a cabo a súa vida laboral valéndose do emprego das novas tecnoloxías. Isto que é aplicable a 2006, éo máis aínda a día de hoxe, un intre no que a Internet ferve de servizos gratuítos encamiñados a favorecer a comunicación. A maiores, as condicións actuais son especialmente propicias se temos en conta a predisposición dos empresarios. Segundo Society of Human Resource, case a metade dos responsables das compañías dos Estados Unidas ofrecen xa opcións serias de traballo no fogar polo menos unha vez por semana (non deixa de ser curioso, polo tanto, que agora, co petróleo que non para de subir, se alente o que antes se censuraba: a vida laboral no eido doméstico e, máis ou menos, por libre).
Con todo, e malia os bos prognósticos, a cifra de persoas que finalmente vai estar en disposición de cruzar ó cen por cen a liña do dixital é aínda difícil de calcular. O que si se sabe é que en boa medida se incrementará e a todos os niveis e ó mesmo tempo que prácticas tan saudables como compartir o vehículo privado, empregar máis o transporte público e as bicicletas ou apostar por vehículos limpos (eléctricos, solares). Na imaxe, traballando dende a casa, visto no caderno de Almost Lucid en Flickr.

PUBLICIDADE