A administración número 1 de Ribadumia únese ao marketplace TuLotero

luns, 4 de xullo do 2016 Redacción

TuLotero, o novo marketplace centrado na lotería, vén de incorporar ás súas fileiras (esta mesma semana) unha administración galega, a número 1 de Ribadumia. Xunto coas outras integrantes desta plataforma comercial en liña (posto en marcha hai aproximadamente un ano), o establecemento pontevedrés venderá décimos de lotaría e validará boletos a través da aplicación do mesmo nome, unha ferramenta que xa conta con 28 administracións (de 11 comunidades autónomas) asociadas distribuídas por toda a xeografía estatal. A plataforma, entre outras cousas, achega a cada unha das integrantes un software mediante o cal poden validar os boletos dos seus clientes e ver incrementadas as súas vendas por Internet, vía smartphone.
Segundo informan os responsábeis da aplicación, as devanditas funcionalidades en liña permítenlles aos establecementos acceder a un novo público (persoas que non se achegan aos portelos das administracións por falta de tempo ou ben polos novos usos de internet) e estar en contacto directo cos seus clientes “as 24 horas do día”. Polo que respecta a vantaxes para os usuarios, estes poden facer cousas como marcar a administración que prefiran como favorita para que calquera delas valide as súas apostas “de forma rápida e sinxela”.
Segundo engaden os responsábeis da plataforma, a administración nº 1 de Ribadumia é a primeira de Galicia que se uniu ao marketplace. Segundo as estatísticas proporcionadas por TuLotero, un 5% dos usuarios de TuLotero son galegos e “estes xa demandaban desde hai tempo unha administración nesta Comunidade para marcala como favorita”. O dito establecemento de Ribadumia, como recordaremos, é ben popular neste ámbito por ter repartido unha manchea de premios importantes no que vai de ano. No Nadal pasado, de feito, repartiu tres millóns de euros cun quinto premio do Sorteo de Lotaría de Nadal en 2010.

PUBLICIDADE