A Zona Franca de Vigo recoñece a Igalia e a Torus Software nos 6º Premios Ardán

xoves, 15 de maio do 2025 S. P.

Tres empresas de Vigo e a súa área, Roeirasa, Hermasa e Compañía Española de Algas Mariñas; outras tres da provincia da Coruña, Aluman Sistemas e as tecnolóxicas Igalia e Torus Software Solutions; unha de Lugo, A Vida 013; e Cuvida, empresa de San Cibrao das Viñas, en Ourense, son este ano as 8 compañías que serán galardoadas cos Sextos Premios Ardán á Excelencia Empresarial de Galicia, que promove e lidera a Zona Franca de Vigo. Ademais, Stellantis España recibirá o Premio Especial á Traxectoria Empresarial como referente industrial e motor da economía viguesa, galega e española.
Así o anunciaron este xoves 15 de maio o delegado do Estado, David Regades, e Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente do Consorcio, acompañados do primeira tenente de alcalde e senadora, Carmela Silva, e a xefa do Servizo de Estudos Económicos Ardán da Zona Franca, Susana Lama.
Regades e Cabaleiro puxeron en valor “o alto número de indicadores de excelencia que lograron estas empresas”, que son o baremo que se aplica de forma obxectiva e rigorosa na análise da información de máis de 45.000 compañías galegas que realiza o Departamento Ardán.
Os Premios recoñecen ás empresas que máis destacan en criterios relacionados coa competitividade, e en valores como crecemento, fortaleza financeira, innovación, internacionalización, xestión do talento ou igualdade de xénero, entre outros.
Stellantis España recibirá o Premio Especial á Traxectoria Empresarial como “referente na economía e motor industrial do sur de Galicia”, ademais de contribuír á fixación de poboación, o desenvolvemento e o benestar social na área de Vigo. Valoráronse tamén estes fitos: Stellantis concentra ao redor do 21% da riqueza xerada polo tecido empresarial da área viguesa (4% de Galicia) e representa o 12% do emprego, alcanzando cerca do 11% do PIB da comarca. Doutra banda, nos últimos 25 anos Stellantis acumulou unha xeración de rendas para a economía de máis de 17.000 millóns de euros, dos que máis de 7.500 millóns foron en forma de salarios. Así mesmo, contribuíu fiscalmente ao benestar social con aproximadamente 1.050 millóns de euros en forma de impostos.
Das 8 empresas distinguidas cos indicadores, a viguesa Roeirasa liderou a clasificación deste ano ao conseguir ata seis indicadores, unha cifra moi alta que, como sinalou David Regades, “non é nada común e moi poucas empresas lógrano, só as que teñen unha notable relevancia na creación de riqueza e emprego en Galicia, ademais, de contribuír á competitividade global ao atraer investimento e talento”.
Os galardóns desta sexta edición entregaranse o día 22 de maio, ás 19.00h, no transcurso da tradicional gala, que un ano máis celebrarase no Auditorio Mar de Vigo e onde espera a asistencia de máis de 400 persoas do mundo empresarial, económico, social e institucional de Galicia.
Ademais da cerimonia de entrega dos Premios o evento, conducido pola actriz e creadora Alejandra Martínez de Miguel, contará cun coloquio dirixido pola xornalista Ana Fuentes, con profesionais do mundo da xestión de talento, a era dixital e os novos sectores tecnolóxicos, como Silvia Leal, unha das principais voces no ámbito do liderado; Tati Ballesteros, experta en comunicación emocional e xestión do talento; e Guillermo Lamelas, director executivo e co-fundador de Alén Space, referente galego do emerxente sector do New Space.
A gala finalizará cun concerto íntimo de Paula Mattheus.