A Zona Franca de Vigo adquire o antigo centro de informática de Caixanova

venres, 26 de xuño do 2020 S. P.

A Zona Franca de Vigo aprobou este xoves 26 de xuño a compra do edificio da rúa López Mora, até agora propiedade de ABANCA e que no seu día foi o centro de informática de Caixavigo, unha propiedade que consta de catro edificios situados entre as rúas López Mora, Tomás Alonso e Arquitecto Pérez BelLas nunha parcela duns 8.500 metros cadrados, polos que Zona Franca pagará o prezo de taxación de 12.277.145 euros.
En palabras de David Regades, delegado da Zona Franca, “nesta propiedade farase un gran proxecto que vaia máis aló dun clásico centro de negocios, queremos facer un complexo a favor das novas necesidades da economía onde se dedique especial atención á I+D+i, ás novas tecnoloxías e como é habitual no noso traballo, en estreita colaboración coa Universidade de Vigo”.
Ademais da repercusión económica, os máximos responsábeis de Zona Franca consideraron que “este gran investimento suporá tamén un activo dinamizador da contorna urbana onde se incardina a parcela que leva anos sen actividade”.

PUBLICIDADE