A Xunta xa ten operativo o rexistro electrónico de facturas

venres, 26 de febreiro do 2010 Redacción

O sistema electrónico de facturación xa está operativo na Administración Autonómica a partir de hoxe, co que se cumpre o prazo comprometido o pasado mes de outubro pola conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás. A implantación deste novo sistema iniciouse hoxe en Presidencia da Xunta e na Consellería de Facenda e irase completando de maneira progresiva no resto de departamentos ata o 22 de marzo.
Este rexistro garante que o pago das facturas por parte da Xunta se faga en 45 días, 15 menos que o máximo legal establecido, e mostra o compromiso do Goberno galego co impulso da Sociedade da Información, enmarcado nunha estratexia de modernización da propia administración para simplificar trámites e reducir os custes de xestión.
Tamén facilita a centralización de maneira uniforme de todas as facturas (tanto as manuais como as de formato dixital) emitidas polos distintos provedores co que se acada unha xestión máis rápida e eficiente das mesmas.
Ata o momento era practicamente imposible saber o tempo que transcorría desde que se recibía unha factura ata o momento efectivo do seu pago. O primeiro paso para reverter a situación é poder controlar o momento en que entran as facturas na Xunta, para o que se creou este rexistro que permitirá, ademais, mellorar as necesidades de tesourería e planificar os pagos da Administración autonómica.
O proceso de facturación na actualidade está sustentado basicamente en papel polo que a factura electrónica permite prescindir deste soporte, favorece a incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación e conta con solucións seguras que permiten a optimización, a eficiencia e o aforro de custes.
Ao rexistro posto en funcionamento dende hoxe pódese acceder a través da web da Consellería, na que o usuario pode rexistrarse e incorporar as facturas ao sistema, así como consultar o seu estado de tramitación.
Neste sentido, a pretensión do Goberno vai máis alá de simplemente rexistrar a data de entrada dunha factura, xa que a creación deste Portal Electrónico permite centralizar as facturas, incorporalas ao sistema e consultar o seu estado de tramitación, xa sexan enviadas á Administración en formato dixital ou en formato papel.
Permite dispoñer de información relevante para a Administración, tanto desde o punto de vista orzamentario como de xestión da tesourería. Deste xeito, os provedores poderán coñecer o estado no que se atopan as súas facturas, o que aportará unha gran transparencia ao proceso. E a propia Administración poderá tamén coñecer e xestionar axeitadamente a súa propia facturación.
Estas medidas permiten, en definitiva, ofrecer un mellor servizo a cidadáns e empresas; menores custes; mellorar a liquidez das empresas; así como unha xestión moderna, rápida e eficaz.

PUBLICIDADE