A Xunta remodela a súa web, facéndoa máis funcional e intuitiva

luns, 16 de novembro do 2009 Raquel Noya

No marco do desenvolvemento do proxecto Galicia na Rede, un programa que foi aprobado polo Consello da Xunta o pasado mes de xullo e que ten como principal obxectivo establecer un novo modelo da presenza da Administración pública galega na Internet, a Xunta vén de por en marcha a versión inicial da súa nova páxina web institucional, Xunta.es, máis funcional e intuitiva, que estrutura os contidos en bloques de maneira que as persoas usuarias poidan acceder máis facilmente á información que precisen.
Con estes cambios, Xunta.es busca converterse na ferramenta de referencia da Administración para coa cidadanía, “un primeiro paso cara á nova posición da Xunta en Internet”, aclaran, “orientada a resaltar a súa misión como canle de información e servizos públicos á sociedade”. O obxectivo desta aplicación en liña é, engaden, “facilitar o acceso da cidadanía a toda a información e servizos da Xunta”.
Co obxectivo de resaltar as áreas de servizos, esta primeira versión da nova web institucional que se puxo en marcha esta fin de semana, supón unha reestruturación dos contidos existentes, e implica a reordenación das áreas de portada, a reestruturación das páxinas interiores e a incorporación dunha enquisa cara ao cidadán, entre outras modificacións. Este cuestionario pretende obter información sobre o perfil do cidadán que se achega á Xunta a través da Rede, así como dos servizos que agarda recibir a través desta canle desde a Administración pública.

A nova web busca a participación dos seus usuarios para mellorar

A planificación do proxecto Galicia na Rede prevé que a comezos de 2010 estea xa dispoñible unha nova web institucional coa nova orientación como canle de comunicación co cidadán e como presenza da Administración e de Galicia na Internet. A partir dese momento, segundo indican dende o executivo, “desenvolverase un plan específico de traballo con cada consellería, coa colaboración das distintas áreas, para acadar o obxectivo común de ofrecer mellores servizos aos cidadáns”.
A web resultante deste proceso converterase, segundo engaden, “nun elemento fundamental no modelo de goberno electrónico da Xunta Galicia, xa que se configurará como a canle de entrada ao portelo do cidadán e como soporte da sede electrónica”.
Ademais do redeseño da páxina web, o proxecto Galicia na Rede implica todas as web vencelladas á Administración autonómica. Este programa debe permitir compatibilizar un portal corporativo de referencias coas iniciativas na Internet que acometan as distintas consellerías, así como racionalizar os recursos humanos, tecnolóxicos e económicos destinados á presenza da Xunta na Internet.

PUBLICIDADE