A Xunta presenta o proxecto Audiovisual nas Aulas 2008
luns, 21 de abril do 2008
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, e mailo secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado, veñen de presentar o proxecto Audiovisual nas Aulas 2008, un programa que ten como finalidade que os adolescentes estean en contacto coa linguaxe e os medios audiovisuais dende a infancia, de xeito que se contribúa a promover o pensamento crítico dos escolares galegos dende a alfabetización audiovisual e multimedia.
Durante a súa intervención, Sánchez Piñón afirmou que “a linguaxe e a cultura audiovisual deben formar parte do ensino” e recalcou a responsabilidade que está a asumir a Consellaría de Educación neste senso.
Asemade, a máxima representante da devandita Consellaría destacou o compromiso da Xunta porque os alumnos adquiran unha formación crítica como espectadores e usuarios dos medios audiovisuais e porque estes dispoñan das ferramentas necesarias para dominar a linguaxe audiovisual dende o punto de vista formativo “e tamén persoal”.
As cifras de participación do programa Audiovisual nas Aulas son mostra do éxito que está a ter esta iniciativa na nosa Comunidade dende a súa creación no curso académico 2004-2005. Así 5.550 alumnos participaron nas sesións didácticas, máis de 7.000 asistiron ás proxeccións de longametraxes galegas e máis de 4.000 alumnos participaron nos distintos obradoiros de animación, televisión e novas tecnoloxías que a Xunta puxo a disposición dos asistentes.
O programa Audiovisual nas Aulas é unha experiencia pioneira no estado español que, segundo afirmou o secretario xeral de Comunicación, “incluso se anticipou á normativa que neste senso recolle a recente Lei do Cine aprobada polo Parlamento de España”.
As fases que recolle o devandito programa este ano son as seguintes: Iniciación ás novas tecnoloxías, Iniciación á televisión, Iniciación á animación e Iniciación ao Audiovisual.
