A Xunta mira ao ano 2030 para definir a súa nova estratexia dixital

xoves, 16 de maio do 2019 Redacción

O presidente Alberto Núñez Feijóo informou durante a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta da aprobación do inicio do proceso de elaboración da Estratexia dixital de Galicia 2030, un itinerario para a vindeira década destinada a que Galicia estea preparada para afrontar os retos da futura dixitalización e poida beneficiarse das oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías.
Feijóo explicou que esta nova estratexia pivotará sobre 4 piares que estarán aliñados coas políticas europeas da futura dixitalización. O primeiro deles será a capacitación dixital, xa que o 90% dos empregos requirirán esa cualificación, en segundo termo, engadiu, favorecerase un clima de confianza e transparencia, asegurando que as tecnoloxías emerxentes respecten a privacidade e as normas éticas. O terceiro dos vectores favorecerá a consolidación dun ecosistema dixital forte, e, por último, o cuarto dos piares contemplará a promoción do liderado dixital coa misión de impulsar proxectos demostradores con impacto de transformación nos diferentes sectores económicos.
A metodoloxía de elaboración da nova estratexia dixital derivará do Centro Común de Investigacións da UE, polo que haberá tanto paneis de profesionais, como unha comisión permanente de expertos. Ademais, será un proceso participativo no que se terán en conta as achegas das empresas e dos axentes sociais.
Galicia leva tempo apostando pola dixitalización, e a este respecto o presidente da Xunta fixo hoxe referencia á Axenda Dixital de Galicia 2014 e 2020, coas que se mobilizaron en 10 anos preto de 3.000 millóns de euros entre capital público e privado, facilitando, por exemplo que en 2018 o 50% dos trámites da Administración Pública fosen telemáticos ou que no ensino todas as aulas desde 5º de primaria a bacharelato conten con dotacións mínimas dixitais e preto de 20.000 estudantes utilizan só o libro dixital.

PUBLICIDADE