A Xunta insta aos empresarios galegos a que introduzan as TIC nos seus negocios

martes, 15 de setembro do 2009 Raquel Noya

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta, que onte anunciou a execución do Plan director de banda larga en Galicia para comezos do vindeiro ano, non quixo deixar de aproveitar a presentación das xornadas Empresas en Rede (que tiveron lugar esta mesma mañá en Vigo) para anunciar que o departamento que representa Mar Pereira, tamén “avoga pola potenciación e mellora do uso das novas tecnoloxías nas empresas galegas, como ferramentas xeradoras de riqueza”.
Así o manifestou o subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, Cristóbal Varela, esta mesma mañá en Vigo, onde co obxectivo de aumentar a produtividade das pequenas e medianas empresas galegas, se desenvolvía con éxito de asistencia a devandita xornada informativa.
No transcurso da súa intervención, Varela afirmou que “o Plan TIC de medidas urxentes da Xunta de Galicia aprobado polo Executivo autonómico este verán, supón o primeiro paso na planificación estratéxica no ámbito tecnolóxico do Goberno galego”. Cristóbal Varela explicou que este plan, cuxo período de vixencia é ata decembro de 2010, “ten como obxectivo identificar e pór en marcha actuacións dinamizadoras que se enmarcan na situación actual de incerteza económica e no vixente marco normativo, que esixe un impulso decidido da e-Administración”.
Estas xornadas, que forman parte das medidas incluídas no Plan Avanza para conseguir un emprego axeitado das TIC en todo o país, servíronlle a Varela para adiantar que as actuación no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación “estarán orientadas a pór en marcha o modelo para coordinar a organización TIC da Xunta e para garantir o correcto funcionamento dos servizos tecnolóxicos que dan soporte aos sistemas corporativos do Goberno galego”.
Asemade, engadiu que estes proxectos servirán tamén para impulsar proxectos clave aliñados cos obxectivos estratéxicos da Xunta, así como para incorporar á Administración autonómica medidas e actuacións que dean resposta aos imperativos legais e normativos no novo contexto dixital.
Finalmente apuntou que outro dos principais obxectivos é “establecer mecanismos de xestión e control que optimicen os investimentos e gasto en tecnoloxía no marco de austeridade e mellora da eficiencia”.
Empresas en Rede, que continuarán mañá na cidade de Ourense o seu periplo informativo, buscan a máxima participación dos empresarios asistentes e a apertura de canles de comunicación entre a Administración e os autónomos e pequenos e medianos empresarios, co obxectivo final de “dar a coñecer as novas tecnoloxías da comunicación e incentivar a comunidade empresarial a introducilas nos seus negocios para incrementar a súa competitividade”.

PUBLICIDADE