A Xunta incrementa a efectividade na aplicación das TIC ao ámbito xudicial
xoves, 10 de decembro do 2009
Coa principal intención de reforzar a colaboración das forzas da xustiza galegas e nacionais no tocante ás tecnoloxías da información e da comunicación, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, vén de subscribir hoxe en Madrid a adhesión de Galicia ao Convenio do Esquema Xudicial de Interoperabilidade e Seguridade no ámbito da Administración da Xustiza (EJIS), un acordo que tivo o seu punto de partida no pasado mes de setembro e que agora chega a bo porto coa conformidade de Galicia e de outras comunidades como Cataluña, País Vasco, Andalucía, Canarias, Valencia, Navarra, Madrid, Cantabria, Asturias e Aragón.
Deste xeito, coa posta en marcha do EJIS, a entidade pública persegue o funcionamento integrado e conxunto de todas as aplicacións informáticas ao servizo da Administración de Xustiza, namentres que as comunidades autónomas participantes comprométense, segundo afirman, “a traballar colexiadamente e a compartir esforzos para acadar o obxectivo común de que os sistemas de información da xustiza poidan interoperar adecuadamente”.
Neste sentido, a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, reforza o seu compromiso co proceso de modernización da Xustiza, ámbito no que ven traballando nos últimos meses a través, primeiro, do desenvolvemento do Plan de medidas urxentes, e agora co próximo inicio do Plan de Sistemas de Tecnoloxías da Información e a Comunicación para a Xustiza, continuación daquel.
Asemade, coa firma deste acordo, a Xunta persegue mellorar a eficiencia dos seus servizos públicos de atención ao cidadán e o propio funcionamento interno da Administración de Xustiza, así como evitar a duplicidade de esforzos, e permitir que outras administracións cooperen na resolución dos propios procedementos.
Para entendérmonos, a finalidade do convenio é facilitar o máximo aproveitamento das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) na actividade xudicial, en condicións de eficacia, eficiencia, racionalidade económica e calidade, empregando as plataformas tecnolóxicas e as aplicacións informáticas precisas.
Deste xeito, aúnanse esforzos por parte de todas as administracións implicadas para acadar o obxectivo de “interoperar os distintos sistemas informáticos existentes con todas as garantías de seguridade e tendo en conta os medios técnicos existentes para facilitar a interconexión entre eles”.