A Xunta estrea presenza oficial en TikTok

venres, 20 de xaneiro do 2023 Redacción

A Xunta de Galicia vén de estrear perfil institucional en TikTok co obxectivo de crear e divulgar información de interese para a mocidade galega. Deste xeito, e aproveitando a bagaxe do amplo seguimento nas páxinas oficiais de Twitter e Facebook (cuxas contas suman máis de 320 mil seguidores), o Executivo autonómico aposta por seguir reforzando a súa comunicación dixital e por aumentar a difusión das iniciativas postas en marcha en Galicia nunha das redes sociais máis empregadas na actualidade pola xuventude.
Entre os principais obxectivos do proxecto está o de renovar o xeito de facer chegar información relevante á mocidade e á poboación en xeral, comunicándoa de maneira dinámica e informal. Ao mesmo tempo, búscase favorecer o alcance e visibilidade de medidas de interese para un sector da poboación que está a empregar habitualmente este medio para permanecer informado.
Os contidos que estarán dispoñibles a partir de hoxe inclúen publicacións de temáticas como a cultural ou a gastronómica, pero tamén a científica, a medioambiental ou a económica, entre moitas outras.
A conta de TikTok chega para funcionar como un espazo de contidos especializados, especificamente traballados e de interese para o público da plataforma. Así, empregarase unha linguaxe máis próxima, afastada de termos técnicos e co estilo de comunicar propio desta plataforma, como se pode apreciar na primeira publicación do perfil.
Recomendacións culturais, novas convocatorias de axudas para a xente moza, receitas con produtos de proximidade ou vídeos de concienciación sobre violencia de xénero ou o fomento do uso da lingua galega, por exemplo, serán algúns dos contidos que estarán dispoñibles nas vindeiras semanas nesta nova plataforma.

PUBLICIDADE